A guerra contra o terrorismo, campaña sen fin lanzada hai
14 anos por George Bush, está cada vez máis vencellada a contorsións grotescas. O
xuízo do luns a un home sueco, Bherlin Gildo, acusado de terrorismo en Siria,
colapsou despois de que quedase claro que a intelixencia británica armara aos
mesmos grupos rebeldes dos que se acusaba de dar apoio a esta persoa.
A fiscalía abandonou o caso, ao parecer para evitar
avergoñar os servizos de intelixencia. A defensa argumentou que ir adiante co
xuízo sería unha “afrenta á xustiza” cando había moitas evidencias de que o
Estado británico estaba proporcionando “amplo apoio” á oposición armada siria.
Isto non incluía só “axuda non letal” fornecida polo goberno
(incluíndo chalecos antibalas e vehículos militares), senón adestramento, apoio
loxístico e subministro secreto de “armas nunha escala masiva”. Había informes
de que o M16 coperara coa CIA na transferencia de armas desde os arsenais
libios aos rebeldes sirios en 2012, despois da caída do réxime de Gadafi.
Está claro o absurdo que é enviar a alguén a prisión por facer o
que facían os ministros e os funcionarios de seguridade. Pero este é só o último
dunha serie de casos similares. Menos afortunado foi un taxista de Londres,
Anis Sardar, que foi condeado a cadea perpetua, quince días antes, por formar
parte en 2007 da resistencia á ocupación de Iraq polas tropas estadounidenses e
británicas. A oposición armada á invasión e ocupación ilegal non constitúe
terrorismo ou asesinato segundo a maioría das definicións, incluída a da
Convención de Xenebra.
Pero o terrorismo está agora no ollo do furacán, e en ningún sitio o está máis que no Medio Oriente, onde os terroristas de hoxe son os combatentes contra a tiranía de mañá –e os aliados son inimigos- segundo a vontade desprendida de calquera desconcertante conferencia telefónica dun político occidental.
Durante o último ano, os EEUU, Gran Bretaña e outras forzas
occidentais volveron a Iraq supostamente para para destruír o grupo terrorista
hipersectario do Estado Islámico (antes coñecido como Al-Qaida en Iraq). Isto
foi despois de que Isis invadise enormes zonas de territorio iraquí e sirio e
proclamase o autodenominado califato islámico.
A campaña non vai ben. O pasado mes Isis extendeuse á cidade
iraquí de Ramadi, mentres que no outro lado da agora inexistente fronteira, as
súas forzas conquistaron a cidade siria de Palmira. A franquicia oficial de
Al-Qaida, a Fronte Nusra, tamén estivo facendo avances en Siria.
Algúns iraquís quéixanse de que os EEUU permanecían sen
facer nada mentres todo isto acontecía. Os norteamericanos insisten en que
están tratando de evitar vítimas civís e alegan éxitos significativos. En
privado, os funcionarios din que non se queren ver machucando bastións
sunís nunha guerra sectaria co risco de perturbar aos seus aliados sunís do
Golfo.
Unha luz que revela como chegamos ata aquí brillou cun
informe secreto recentemente desclasificado da intelixencia estadounidense,
escrito en agosto de 2012, e que misteriosamente predice –e bendice- a
perspectiva dun “principado salafista” no leste de Siria e un estado islámico
controlado por Al-Qaida en Siria e Iraq. En marcado contraste coas pretensións
occidentais do momento, a Axencia de Intelixencia de Defensa identifica a
Al-Qaida en Iraq (que se converteu en Isis) e os compañeiros salafistas como “as
principais forzas que impulsan a insurxencia en Siria” e afirma que “os países
occidentais, os estados do Golfo e Turquía“ estaban apoiando os esforzos da oposición
para tomar o control do leste de Siria.
O aumento da “posibilidade de establecer un principado
salafista declarado ou non declarado”, continúa o informe do Pentágono, “é
exactamente o que queren os poderes que apoian á oposición co fin de illar o
réxime sirio, que se considera o punto estratéxico da expansión xií (Iraq e
Irán)”.
O cal vén sendo exactamente o que pasou dous anos despois. O
informe non é un documento político. Está pesadamente redactado e hai ambigúidades
na súa linguaxe. Pero as implicacións son o suficientemente claras. A un ano da
revolta siria, os EEUU e os seus aliados non só estaban apoiando e armando a
grupos sectarios extremos, senón que estaban dispostos a aprobar a creación dun
“estado islámico” –a pesar do grave perigo para a unidade de Iraq- coma un
ariete suní para debilitar a Siria.
Isto non significa que EEUU creasen Isis, por suposto, aínda
que algún dos seus aliados no Golfo, sen dúbida, xogou algún papel nisto –como recoñeceu
o vicepresidente dos EEUU, Joe Biden, o ano pasado. Pero non había Al-Qaida en
Iraq ata que os EEUU e Gran Bretaña o invadiron. E os EEUU, con certeza, explotaron a existencia de Isis contra outras forzas da rexión coma parte dunha campaña máis ampla para manter o control occidental.
O cálculo mudou cando Isis comezou a decapitar occidentais e
a pendurar as súas atrocidades on line, e os estados do Golfo están agora
apoiando outros grupos na guerra siria, como a Fronte Nusra. Pero este hábito
dos EEUU e doutros países occidentais de xogar con grupos xihadistas, que despois os
han trabar, remóntase polo menos á guerra de 1980 contra a Unión Soviética en
Afganistán, que fomentou á Al-Qaida orixinal baixo a tutela da CIA.
Recalibrouse durante a ocupación de Iraq, cando as forzas
dos EEUU dirixidas polo xeneral Petraeus, patrocinaron unha guerra sucia de sectarios
escuadróns da morte, ao estilo dos de El Salvador, para debilitar a resistencia
iraquí. E repetiuse en 2011 na guerra orquestrada pola OTAN en Libia, onde Isis
tomou a semana pasada o control de Sirte, a cidade natal de Gadafi.
En realidade, EEUU e a política occidental na conflagración
que é hoxe Medio Oriente usa o molde clásico do divide e vencerás. As forzas
norteamericanas bombardean unha serie de rebeldes mentres apoian outros en
Siria, e monta o que en realidade son operacións militares con Irán, contra Isis
en Iraq ao tempo que apoia a campaña militar de Arabia Saudí contra as forzas
Houthi de Iemen, apoiadas por Irán. Por confusa que poida ser a política
estadounidense, un Iraq e unha Siria débiles e partidas axústanse perfectamente
a ese enfoque.
O que está claro é que Isis e as súas monstruosidades non
será derrotado polos mesmos poderes que os trouxeron a Iraq e Siria por
primeira vez, ou por aqueles cuxa guerra, aberta ou encuberta, os fomentou en anos
posteriores. As intervencións militares occidentais sen fin no Medio Oriente só
trouxeron destrución e división. É a xente da rexión quen pode curar esta
enfermidade, non os que incuban o virus.
http://www.theguardian.com/commentisfree/2015/jun/03/us-isis-syria-iraq?CMP=share_btn_fb