lunes, 3 de agosto de 2015

Grecia, Europa e os Estados Unidos. James K. Galbraith


James K. Galbraith, o economista norteamericano, fillo de John Kenneth Galbraith, foi un dos maiores apoios de Yannis Varoufakis e da súa estratexia negociadora coa Troika. Partidario, como o ex-ministro grego, de non formular a ruptura do euro e de explorar a vía da reforma da Eurozona, neste artigo -escrito para o público estadounidense- solicita o apoio daquel país aos Estados que, no futuro, opten pola saída do euro como forma de supervivencia ante unha UE que, nas súas palabras, hoxe sería "reaccionaria, mesquiña e perversa" e ante a emerxencia de proxectos políticos "desagradables, racistas e xenófobos."

*  *  *  *  *

A brutalidade obtusa da posición europea a respecto de Grecia quedou clara a semana do 6 de xullo, cando os líderes europeos rexeitaron o documento de rendición que Grecia lles presentara e esixiron unha capitulación incondicional. O novo diktat –formalmente aceptado por Grecia o 15 de xullo- esixe o establecemento dun fondo de privatización destinado a reunir “activos bos” por valor de 50 mil millóns de euros (que, por certo, non existen); tamén require desfacer toda a lexislación financeira adoptada polo Parlamento grego desde o pasado mes de xaneiro, cando Syriza obtivo a maioría; e esixe o regreso da Troika (é dicir, a Comisión Europea, o Banco Central Europeo e o Fondo Monetario Internacional) a Atenas.

A partir de agora o goberno grego terá que someter a estas intitucións os seus proxectos lexislativos “relevantes” e obter a súa aprobación antes de adoptalas –mesmo antes de facelas públicas. En resumo, Grecia agora xa non é un estado independente.

Fixéronse comparacións entre o destino deste país e o Tratado de Versalles que, a raíz da Primeira guerra mundial, faría que Europa tomase o camino que conducía ao nazismo. Pero a invasión de Checoslovaquia polas tropas soviéticas en 1968 que puxo fin ao experimento de independencia política dun pequeno e valente país ofrece unha analoxía aínda mellor. Esmagando a Checoslovaquia tamén se esmagou a reputación da Unión Soviética, arruinando definitivamente as ilusións que aínda albergaban polo comunismo moitos observadores. Esta invasión, preparou o terreo para o colapso final do comunismo, primeiro dos partidos de Europa occidental e despois na mesma URSS.

A vitoria electoral de Syriza de hai seis meses contiña a esperanza de abrir un amplo debate sobre o fracaso das políticas de austeridade que convidase a todo o continente a buscar as mellores solucións. Pero cando resultou evidente que isto non contaría co apoio de España, Portugal e Irlanda, que apenas podía contar coa simpatía formal de Italia e Francia e que contaría coa hostilidade implacable de Alemaña e dos países do norte e do leste de Europa, as vías aquel partido estreitáronse.

Syriza tentou entón crear un espazo para aplicar o cambio político en Grecia, soamente en Grecia. Non se considerou a saída do euro por parte do goberno e tampouco xogar de farol. Syriza só contaba con apelar á razón, apelar á opinión pública mundial e pedir axuda do exterior. Estas chamadas foron lanzadas polos gregos con vigor e paixón durante cinco meses.

Ao facelo, o goberno puxo sobre os ombreiros de Europa unha sorte de carga moral. E tamén outro fardo pesado: un desafío baseado na visión dun "crecemento sostible” e de “inclusión social”, tal como foran gravados con mármore en cada tratado europeo, desde o de Roma ao de Maastricht –un reto que encarna a alma do proxecto europeo, se é que aínda se pode falar de alma aquí. Ninguén no goberno grego se fixo ilusións sobre a capacidade do país para afrontar ese reto, todos os seus membros eran conscientes de que Grecia chegaría á fin de xuño enfeblecida, rota e indefensa. Pero, á luz da marxe de manobra tan estreita, tanto a causa dos compromisos electorais de Syriza como do compromiso da poboación con Europa, o goberno grego non tiña ningunha outra carta para xogar.

Fronte a actitude de facer pesar sobre eles unha especie de carga moral, os acreedores responderon mostrando sorpresa, irritación, exasperación, obstinación e, en definitiva, furor. En ningún momento a lóxica da argumentación grega sobre o evidente fracaso, ao longo dos últimos cinco anos, das políticas de austeridade para acadar os niveis de crecemento anunciados fixo mella. A Europa non lle preocupaba Grecia.

Despois de dimitir do seu cargo de ministro de Finanzas, Yannis Varoufakis describiu o proceso de negociación dicindo: 

A ausencia total de escrúpulos democráticos mostrada polos autoproclamados defensores da democracia europea. A compresión bastante clara, pola outra banda, de que estamos, en termos de análise da situación, no mesmo nivel… [E porén] tes as esa xente estremadamente poderosa ante os ollos e dinche: “o que dis é certo, pero de todos os xeitos ímosvos esmagar”. 

Aos “líderes” europeos preocúpalles o poder. Posicónanse en base aos seus parlamentos e teñen na cabeza a política interior dos seus respectivos países.

Hai en Europa do leste un bloque de países, encabezados por Finlandia, cuxa sensibilidade política está moi á dereita e que formularon unha liña moi dura con Grecia. Hai un grupo de “prisioneiros-modelo”, España, Irlanda e Portugal –países que enfrontan nas súas fronteiras a movementos como Podemos e o Sinn Fein- que non poden admitir o fracaso da austeridade. Hai unha parella branda, Francia e Italia, que trata de neutralizar as ameazas que encarna Marine Le Pen e Beppe Grillo.

E despois está Alemaña que, agora está claro, non pode aceptar unha reducción da débeda na zona euro porque isto permitiría que países que afrontasen dificultades similares fixesen solicitudes similares. O maior acreedor de Europa enfrontaríase entón a unha cancelación de débedas masiva e os alemán daríanse de conta con estupefacción de que as débedas acumuladas para financiar as súas exportacións durante os últimos quince anos nunca serán reembolsadas.

Syriza non é un fenómeno do azar específicamente grego. A súa vitoria electoral foi a consecuencia directa do fracaso político de Europa. Unha coalición integrada por ex-comunistas, sindicalistas, ecoloxistas e profesores univeristarios non chega ao poder en ningures sen non se dan circunstancias desesperadas. O feito de aparecer Syriza, eclipsando aos nazis de Alba Dourada, é case que un milagre democrático. A destrución de Syriza conducirá, en todo o continente, á revisión do “proxecto europeo”. Unha Europa progresista –a Europa do crecemento sostible e da cohesión social- sería unha cousa. A Europa bloqueada, en punto morto, reaccionaria, mesquiña e perversa, que observamos na acutalidade é outra moi distinta. Esta non pode e non debe durar moito tempo.

Que será de Europa? É evidente as esperanzas da esquerda pro-europea e reformista remataron. Os partidos que encarnan un futuro diferente son os partidos anti-europeos, incluíndo UKIP, a Fronte Nacional francesa e a Alba Dourada en Grecia. Trátase de movementos extremadamente desagradables, racistas e xenófobos –Alba Dourada xa propuxo o establecemento en Grecia de campos de concentración para inimigrantes.  O único contrapeso, agora, son as forzas progresistas e democráticas que se reagrupen baixo a bandeira dun restablecemento da democracia a nivel nacional. Isto significa que a esquerda europea, a partir de agora, tamén se volverá contra o euro.

Mentres isto sucede, os Estados Unidos deberían, nestas condicións, continuar sostendo o euro aliñándonos con políticas fracasadas e coa represión das protestas populares? Ou deberíamos facer saber que somos indiferentes á presenza de calquera país dentro ou fóra da unión monetaria? Certamente, a última semella a opción máis sensata. Despois de todo, Polonia, a República Checa, Croacia e Romanía (por non mencionar Dinamarca e Suecia e outros lugares como o Reino Unido) están fóra da unión monetaria e probablemente permanecerán alí –e ninguén pensa que eses países fracasarán ou de que torcerán por Putin.

Entón, por que, nestas circunstancias, o euro –un soño que hoxe esvaece claramente- debería ser apoiado? Por que a saída non podería ser unha opción? O apoio técnico, financeiro e moral a países democráticos aliados que opten por saír podería contribuír, nas condicións actuais, a estabilizar un estado de ánimo perigoso e potencialmente destrutivo.

http://harpers.org/blog/2015/07/greece-europe-and-the-united-states/

No hay comentarios:

Publicar un comentario