lunes, 13 de julio de 2015

Os brutais acredores de Grecia demoleron o proxecto da Eurozona. Wolfgang Münchau


Algunhas das cousas que moitos dabamos por sentadas e nas que algúns creiamos, finalizaron nun simple fin de semana. Forzando a Alexis Tsipras a unha derrota humillante, os acreedores de Grecia fixeron moito máis que traer un cambio de réxime en Grecia ou de pór en perigo a súa relación coa eurozona. Destruíron a eurozona tal e como a coñecemos e esboroaron a idea dunha unión monetaria como paso previo a unha unión política democrática.

Ao facelo, regresaron ás loitas nacionalistas europeas polo poder do século XIX e de comezos do XX. Degradaron a eurozona nun tóxico sistema de cambio fixo, con moeda única compartida, gobernada en interese de Alemaña, que se mantén unida baixo ameaza da miseria total para aqueles que desafían a orde imperante. O mellor que se pode dicir da fin de semana é a honestidade brutal dos que perpetraron este cambio de réxime.

Pero non foi só a brutalidade o destacado, nin sequera a capitulación total de Grecia. O cambio material é que Alemaña propuxo formalmente un mecanismo de saída. O sábado, Wolfgang Schäuble, ministro de Finanzas, insistiu nunha saída limitada no tempo –un “tempo de espera”, tal como o chamou.

Escoitei bastantes propostas tolas na miña vida, e esta está á altura. Un estado membro empuxando a outro cara a expulsión. Este foi o auténtico golpe de estado da fin de semana: non só un cambio de réxime senón tamén un cambio de réxime na eurozona.

O feito de que un Grexit formal puidese ser evitado polo de agora é inmaterial. O Grexit volverá estar sobre a mesa en canto haxa o menor accidente –e aínda hai moitas cousas que poden saír mal, tanto en Grecia como noutros parlamentos da eurozona. Calquera outro país que no futuro poida desafiar a ortodoxia económica de Alemaña enfrontarase a problemas similares.

Isto lévanos de novo a unha versión máis tóxica do vello mecanismo de tipos de cambio da década de 1990 que deixou os países atrapados nun sistema pensado para beneficiar a Alemaña, o que levou á saída da libra esterlina e á saída temporal da lira italiana. O que ficaba era unha coalición de países dispostos a axustar as súas economías á de Alemaña. Gran Bretaña tiña que abandonala porque non estaba disposta a iso.

Que deberían facer agora os gregos? Esquezámonos por un momento do debate económico dos últimos meses sobre temas coma o impacto da austeridade ou das reformas económicas sobre o crecemento. No seu lugar, fagámonos esta simple pregunta: de verdade pensamos que un programa de reforma económica, para o que un goberno non ten mandato político, que foi rexeitado nun referéndum de xeito explícito, que resultou forzado a través da pura chantaxe política pode funcionar de xeito razoable?

As implicacións para o resto da zona euro son, polo menos, igual de preocupantes. Cedo nos estaremos a preguntar se pode ser sostible esta nova zona euro na que se exerce forte presión sobre os débiles. Anteriormente, o argumento máis forte en contra de calquera pronóstico de ruptura era o compromiso político de todos os seus membros. Se lles preguntas aos italianos por que están na zona euro, poucos sinalarán os beneficios económicos. O que querían era ser parte do máis ambicioso proxecto de integración europea emprendido até o de agora.

Pero se lle quitamos a aspiración política, podemos rematar cunha opinión diferente. Desde o punto de vista puramente económico, sabemos que o euro funcionou ben para Alemaña. Funcionou moderadamente ben para os Países Baixos e Austria, aínda que produce un certo grao de inestabilidade financeira en ambos.

Pero para Italia, foi un desastre económico sen paliativos. O país está sen practicamente ningún crecemento da produtividade desde o inicio do euro en 1999. Se se quere botar a culpa á falta de reformas estruturais, entón haberá que explicar como Italia logrou taxas de crecemento importantes antes desa data. Estamos seguros de que maioría dos italianos apoiará a moeda única dentro de tres anos?

O euro tampouco non funcionou para Finlandia. Se ben o país é considerado o campión do mundo das reformas estruturais, a súa economía esboroouse desde que Nokia perdeu o status de primeiro fabricante de teléfonos móbiles do mundo. Se o euro é sostible para España ou Portugal non está claro. Francia funcionou relativamente ben durante os primeiros anos do euro, pero agora tamén está tendo déficits por conta corrente persistentes. Non só é en Grecia onde o euro non é óptimo.

Unha vez que na eurozona se desbota calquera ambición dunha unión política ou económica, esta deriva nun proxecto utilitario no que os estados membro sopesarán fríamente os beneficios e os custos, do mesmo xeito que Gran Bretaña está actualmente avaliando as vantaxes ou desvantaxes relativas á súa adhesión á UE. Nun sistema así, alguén, nalgures, quererá deixalo nalgún momento. E o forte compromiso político para evitalo xa non estará alí.

Orixinal: http://www.ft.com/intl/cms/s/0/e38a452e-26f2-11e5-bd83-71cb60e8f08c.html#axzz3fnEJQohE

No hay comentarios:

Publicar un comentario