martes, 14 de julio de 2015

Entrevista a Stathis Kouvelakis [extracto]


Unha longa entrevista a Stathis Kouvelakis que, infelizmente, non teño tempo de traducir na súa totalidade. Pero deixo aquí un xugoso extracto sobre un dos meus temas preferidos: o europeísmo como actualización cool do There is no alternative thatcheriano. A descrición que Kouvelakis fai do europeísmo da facción centrista de Syriza é tan habitual en certo perfil intelectual galego que un dá en pensar que son esas pequenas elites de hábitat algodonado as únicas que realmente comparten algo así como unha identidade cosmopolita europea. Que sexa ese mesmo perfil quen constitúe a intelectualidade orgánica do que queda de socialdemocracia e que esta se atope no calamitoso estado no que se atopa, naturalmente, non é casual.

[…]

Despois está o enfoque de Tsipras, que afunde as súas raíces na ideoloxía da esquerda europeísta. Creo que o mellor exemplo disto é Euclides Tsakalotos, unha persoa que se considera un marxista firme, alguén que vén da tradición eurocomunista, estivemos na mesma organización durante anos. A declaración típica que capta tanto a súa ideoloxía como a perspectiva dada ao goberno coa presenza de todos eses académicos pronunciouna nunha entrevista para a web francesa Mediapart, en abril.

Cando lle preguntaron que lle impresionara máis desde que estaba no goberno, respondeu dicindo que el era un académico, que o seu traballo era ensinar economía nunha universidade, de aí que, cando foi a Bruxelas, preparou moi en serio todo un feixe de argumentos, polo que esperaba contra-argumentos tan elaborados como os que se presentaran. Pero, en lugar diso, só se enfrontou con persoas que recitaban interminables normas e procedementos...

Tsakalotos dixo que estaba moi decepcionado polo nivel da discusión. Na entrevista para o New Statesman, Varoufakis di cousas moi similares acerca da súa propia experiencia, aínda que o estilo é claramente máis de confrontación que o de Tsakalotos.

Está claro que esta xente esperaban que a confrontación coa UE se dese como unha conferencia académica na que levas un estupendo documento e esperas que te presenten outro contra-documento igual de estupendo.

Creo que isto di moito da esquerda hoxe. A esquerda está chea dun feixe de persoas ben intencionadas, pero que son totalmente impotentes no campo da política real. Pero tamén nos está a falar do tipo de devastación mental causada pola crenza, case que relixiosa, no europeísmo. Este vén mostrar que, até o final, esas persoas crían que poderían conseguir algo da Troika, que pensaban que entre “socios” ían atopar algún tipo de compromiso, que compartían algúns valores fundamentais como o respecto ao mandato democrático ou a posibilidade da discusión racional baseada en argumentos económicos.

[…] 

E cal é a raíz ideolóxica dese europeísmo que describe vostede na facción de centro de Syriza? Pois non son liberais, nin federalistas negrianos… Son xente que se considera a si mesma como marxistas? Hai influencia de Habermas ou de Etiene Balibar? 

Penso que, neste caso, Balibar é probablemente máis relevante que Habermas. Unha vez máis, tomemos a Tsakalotos. Deu unha entrevista a Paul Mason o día despois de que o presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker enviase a súa proposta tan humillante.

Cando Mason lle preguntou polo euro, Tsakalotos dixo que a saída significaría unha catástrofe absoluta para Europa que podería revivir os anos 30 co retorno da competición de moedas nacionais e o ascenso de nacionalismos e o fascismo.

Así que, para esta xente, a escolla consiste en, ou ben ser “europeo” e aceptar o marco existente, que dun xeito máis ou menos obxectivo representa un paso adiante comparado coa realidade anterior dos estado-nación, ou ser “antieuropeo”, que se iguala a caer no nacionalismo, un paso atrás, algo reaccionario.

Este é o xeito tan feble no que se lexitima a Unión Europea. Pode que non sexa o ideal pero é mellor que calquera outra cousa que se poña sobre a mesa.

Creo que neste caso vemos claramente como funciona aquí a ideoloxía. Malia que non se asine o proxecto e se teñan serias dúbidas sobre a súa orientación neoliberal e a estrutura xerárquica das institucións europeas, aínda así hai que moverse nestas coordinadas e non é posible imaxinar nada mellor fóra dese marco.



No hay comentarios:

Publicar un comentario