Recibín un correo electrónico esta semana no que se predicía
que Grecia podería entrar en “arrebato” [o orixinal inglés fai un xogo de palabras
entre rupture e rapture] co BCE xa o 24 de abril. O que o meu informante quería
dicir era “ruptura”, pero canto máis nos achegamos ao evento, máis penso na
palabra “arrebato” para describir o que realmente pode suceder.
Se o goberno de estrema esquerda reamata nun punto morto cos
acredores antes de finais de abril, o que leva consigo a quebra e unha posible
saída da eurozona, o “arrebato” segúndo os fundamentalistas cristiáns –un final
catastrófico no que a metade da raza humana ascende ao aire de súpeto- podería
ser unha boa metáfora.
Para unha parte do partido no poder, Syriza, isto sería unha
sorte de autovindicación. Para outra, a condenación. E para o pobo grego, cuxo
80 por cento quere estar no euro a calquera custe, ben podería ser o final do
mundo tal e como o coñecemos.
Pero tras tres semanas de negociacións, o 24 de abril comeza
a parecer unha data límite. Nikos Theocharakis, cabeza visible da política
fiscal no ministerio de finanzas grego, dixo que informou aos negociadores do
eurogrupo que Grecia podería quedar sen cartos a partir desa data.
Comecemos cos números crus. Grecia non pode pedir prestado
dos mercados mundiais debido a que a súa débeda de 320 mil millóns de euros é,
penso que con razón, vista como impagable. Ningún nivel de austeridade
soportado pola sociedade grega podería pagar esa débeda.
Así que Grecia trata de sobrevivir mediante a consecución
dun pequeno superavit orzamental; é dicir, cada ano o goberno trata de aforrar
o 1,5% do PIB gastando menos do que recada vía impostos.
O problema número un é que, despois de “logralo” xusto
despois das eleccións, os números do goberno conservador resultaron ser falsos.
O problema número dous é que, coa fuxida de capitais despois
de que o BCE sacase a liña crédito a Grecia, suprimiuse a actividade económica
e colapsou o comercio exterior. Os ingresos tributarios caeron en xaneiro e en
febreiro, e aínda que semelle que melloraron en marzo, isto debeuse
principalmente a medidas excepcionais: ofertas de liquidación anticipada en
impostos atrasados e unha gran suma procedente dos bancos.
Así que semana a semana o estado grego ten que pagar
salarios e pensións cun pequeno superavit e está recorrendo ás reservas de
efectivo de varios organismos públicos para manterse a flote.
O problema número tres consiste en que, mesmo que consiga
pequenos superavits cada mes, o estado grego ten que afrontar 15 mil millóns de
débeda este ano, moita dela en forma de pagarés de curto prazo que os seus
bancos normalmente poderían mercar, pero cuxa capacidade de compra de débeda a
curto prazo foi cortada polo BCE.
Espazo para o acordo
Ao longo de toda a crise o tempo xogou a favor dos acredores
de Grecia e dos opositores de Syriza. Cando o BCE quitou as liñas normais de
crédito e bloqueou os préstamos de emerxencia en febreiro, fíxoo para acelerar
a retirada masiva de depósitos que comezara o último mes do antigo goberno.
Isto forzou ao ministro de finanzas Yanis Varoufakis, na reunión do Eurogrupo
do 20 de febreiro, a unha rebaixa (pero non total) do programa antiausteridade.
Desde entón, o obxectivo de Varoufakis foi demostrar que hai
unha versión de esquerdas de reformas estruturais antiausteridade aceptable
para os acredores, que lles permitan liberar os 7 mil millóns de euros en
préstamos que están a reter. Pero mesmo así, isto só sería o preludio das
discusións sobre como reprogramar os 320 mil millóns de euros de débeda grega.
O último intento, en forma dun documento de 26 páxinas en
inglés, considerábase que proporcionaba razóns creíbles para acadar dito
acordo, pero a cuestión xa non ten que ver coa credibilidade fiscal.
A maioría pro-euro en Syriza calculou mal sistematicamente a
oposición á que se enfronta dentro da zona euro. Ten do seu lado aos EEUU e a
Francia e a Italia facendo algúns ruídos de simpatía, pero todo isto é superado
por unha coalición de países a favor da austeridade arredor de Alemaña que
continuamente bloquea calquera tentativa de negociar un compromiso por parte da
Comisión Europea.
Así, cada vez que semella haber un acordo sólido, Alemaña e
os seus aliados históricos, que datan da segunda guerra mundial, bloquéano,
sexa no BCE ou no Eurogrupo.
“Calexón sen saída”
A profundidade do apego de Syriza ao euro demostrouse cando
o seu gurú económico, Euclides Tsakalotos, se dirixiu a parlamentarios en
Westminster o mes pasado. Ante o estímulo para abandonar o euro por parte de
parlamentarios da esquerda laborista,
Tsakalotos sinalou a experiencia da esquerda británica e francesa nos
anos 80 co que chamou o “calexón sen saída” da solucións económicas nacionais.
Polo tanto, os líderes de Syriza están casados coa zona euro
pero a zona euro está configurada actualmente para esmagar a Syriza.
Coa desaleración do crecemento e os ingresos fiscais
irregulares, isto non pode durar para sempre.
As grandes empresas en Grecia non son tan hostiles a Syriza
como se podería pensar. Moitos grandes empresarios ven as “mans limpas” do
partido como as únicas que poden esganar o nepotismo e a corrupción que
arruinou a economía grega durante décadas. Engadido a isto existe unha ala de
conservadores gregos arredor da dinastía Karamanlis que está, díxome un
exdeputado aliñado con eles, “preparada para axudar a Syriza”.
Se se lle engade o pequeno partido de centro esquerda Potami
e o novo partido formado polo ex primeiro ministro George Papandreou, está
clara a base para un “goberno de centro-esquerda”, dirixido por Syriza a modo
de goberno de unidade nacional e arredor dun programa esencialmente ditado por
Berlín, pero con certa flexibilidade para calmar aos membros e votantes de
Syriza.
Esta é a estratexia emerxente do centro esquerda e da
comunidade empresarial grega con vínculos globais. E o desexo pola mesma
agudizouse cando Syriza foi empurrada á colaboración económica con Rusia, Irán,
Azerbaián e China.
Obrigar a unha división
Pero a esquerda de Syriza é forte. A Plataforma de esquerda,
encabezada polo ministro de enerxía, Lafazanis, é fortemente antieuro e sente
que os acontecementos lle dan a razón. Trátase, basicamente, do que queda do
comunismo con vínculos moscovitas e da estrema esquerda dentro de Syriza pero, na
última votación interna, unironselles outros esquerdistas máis modernos e
“horizontais”, co que conseguiron que un 41% votase en contra do acordo feito
por Varoufakis en febreiro.
Así que cada vez hai máis presión, dentro e fóra, para
forzar unha división en Syriza que faga que a Plataforma de esquerda deixe o
grupo parlamentario e Tsipras estea obrigado a depender do centro-esquerda e da
ala conservadora de Karamanlis para acadar calquera acordo no parlamento
heleno.
Pero hai unha terceira forza que os editorialistas dos
diarios financeiros tenden a esquecer cando ven a Grecia maniatada entre Berlín
e Moscú: o propio pobo grego.
Até o de agora este estivo moi tranquilo. Os chamados
“movementos sociais” –sindicatos, grupos antifascistas, bancos de alimentos,
asembleas locais e similares- estaban, como me dixo un activista veterano, “esgotados”
no tempo en que Syriza chegaba ao poder. A partir de entón estiveron
hipnotizados pola aparición dun novo tipo de política no parlamento: a promesa de
combater a corrupción, o comité para xulgar a legalidade do rescate de 2011, a
desaparición dos gases lacrimóxenos no armamento da policía antidisturbios, a
liberación lenta de inmigrates procedentes de campamentos do exército…
O aumento da frustración
Aqueles cos que falei este mes comentan a crecente
frustración con Syriza dos activistas e
simpatizantes a respecto do drama oculto que ten lugar en Bruxelas.
Entrementres, os diversos líderes dos ministerios de Syriza aínda están a
loitar por tomar o control e mesmo por ter información axeitada. A presidenta
do parlamento, Zoe Konstantopoulou, abriu as portas aos activistas antiracistas
nunha manifestación recente. Pero a coreografía fóra da residencia do primeiro
ministro é a dunha xestión da crise febril.
Mesmo se se está dentro, recibindo unha mensaxe cada 10
minutos de alguén que sabe o que está a suceder, a atmosfera de crise pode ser
esgotadora. Para os que están nas rúas e nos cafés, vendo que todo sucede más
alá do seu control, estase volvendo extenuante.
Nestes momentos históricos ás veces todo se reduce aos
individuos. O desexo de Varoufakis –pro-EEUU, educado en occidente e non membro
aínda de Syriza-, tal como me dixo en febreiro, é ser “o último en deixar o
euro”. Así que se chega o momento en que el teña que mudar da conciliación á
supervivencia poderemos estar seguros de que todas as vías están esgotadas.
Pero, como me dixo xusto antes das eleccións, cre que un euro sen reformar
colapsará en dous anos.
Publicamente Varoufakis adoptou un ton non só de conciliación
senón tamén de reconstrución coa eurozona. En privado, porén, os seus asesores
–e estes son algunhas das persoas máis centristas dentro de Syriza- están
conmocionados co nivel de hostilidade que coñeceron dentro da zona euro.
Esa ala de Syriza que é basicamente socialdemócrata estaba
existencialmente unida ao euro. Agora a crenza existencial no euro está a ser
sacudida. E o perigo para a eurozona é que este mesmo proceso se replique en
todo un pobo se a evidencia é esmagadoramente convincente.
Se se presiona até o límite –sexa polo fracaso dunha subasta
de débeda a curto prazo ou polo simple non pagamento das facturas- Varoufakis
non terá problemas en desencadear controis de capitais, impostos de emerxencia
ás grandes empresas e a inauguración dunha segunda moeda.
A economía no caos
Chegados a ese punto, será cuestión da eurozona reaccionar
ou non. Pero se sobe a aposta existen poderosas armas no arsenal grego: os 80
mil millóns de euros que debe á eurozona a través do sistema Target 2 que, tal
como indicou Ambrose Evans Pitchard, non están protexidos. E despois as débedas
que ten co BCE.
Grecia tentaría, nun primeiro momento, quebrar sen saír da
zona euro. Pero a quebra levaría a política e a economía europea ao caos. A xa
deflaccionaria e semiestancada eurozona tería que enfrontar outros 12-18 meses
co botón de pausa até que o sistema bancario absorvese a quebra grega.
Así que nas próximas dúas semanas hai un maior perigo de
“Graccidente” –unha quebra parcial non causada pola estratexia de Syriza senón
polo erro de cálculo do BCE a respecto da provisión de osíxeno financeiro aos
bancos gregos, ou por non poder afrontar os recibos semanais o ministerio de
facenda.
Os gregos acudiron esta fin de semana ás igrexas para
celebrar a pascua ortodoxa. Alexis Tsipras, aínda cunha popularidade do 71%,
aproveitou a ocasión para falar de renacemento e renovación. Porén, para
algúns, a resposta ao saúdo “Cristo resucitou” foi bromear dicindo “Mándao a
Bruxelas a negociar”.
Rematada a pausa da pascua, as negociacións aproxímanse a un
momento crucial.
Se Grecia é forzada a unha quebra accidental, o dano ao
proxecto do euro e á imaxe da UE sería total. Un banco central colaborando coa
quebra dos bancos que debe supervisar e desexando a ruptura da unión monetaria
que se supón que debe regrar mancharía a reputación do BCE por unha década.
Orixinal: http://blogs.channel4.com/paul-mason-blog/syriza-verge-nervous-breakdown/3571