sábado, 17 de enero de 2015

Os límites do liberalismo. John Rees

Poucas veces coma hoxe a liberdade de expresión foi tan amplamente proclamada e tan mal comprendida. Por suposto, ninguén reivindica máis a liberdade de expresión, e de xeito máis honesto, que a esquerda. Pero, cun exame máis exhaustivo, case que ninguén cre na liberdade de expresión ilimitada, desde logo non aquelas persoas do stablishment que máis ruidosamente a reivindican.

O goberno, por exemplo, non cre na liberdade de expresión para os “propagadores de odio”. De feito nin sequera cren que se lles deba aplicar o procedemento legal. O goberno cre na deportación e nos xuízos sen xurado. Gobernos do pasado internaron a republicanos irlandeses sen xuízo e prohibiron que Gerry Adams falase na BBC. Tampouco o goberno francés está a favor de que a muller se exprese vestindo un burka, prohibido en Francia durante un tempo o pasado verán. O goberno Tory, aquí, nin sequera cre que aos sindicatos se lles deba permitir o dereito ilimitado á folga.
Pero tampouco a esquerda cre no dereito ilimitado á liberdade de expresión. Moitos na esquerda non cren que os fascistas teñan o dereito á liberdade de expresión, por exemplo. Este paradoxo sinala o feito de que a defensa da liberdade de expresión sempre debe ir acompañada das seguintes preguntas: para dicir que? En que contexto? E con que fin?

Este pensamento materialízase no exemplo dos antigos retóricos: cando é lícito berrar “Lume!”? Facelo no medio dunha chaira en Salisbury pode ser excéntrico pero é inofensivo. Facelo nunha casa onde hai un incendio pode salvar vidas. Facelo nun cine cheo de xente cando non hai lume pode causar a perda de vidas. Os dous primeiros exemplos son defendibles, o terceiro debe ser inadmisible.

Un pouco de contexto histórico

O contexto histórico é moi importante. A liberdade de expresión (e de impresión e organización sen as cales a liberdade de expresión neutralízase) entrou na historia durante as revolucións inglesa e francesa, respectivamente nos séculos XVII e XVIII. Cabe destacar que na revolución inglesa estableceuse en boa medida para acadar a tolerancia relixiosa (ben que non para os católicos monárquicos). A liberdade de expresión era a consigna dos oprimidos e dos excluídos, dos revolucionarios, contra a elite aristocrática. Estableceuse mediante o uso da forza revolucionaria e a posterior represión da contrarrevolución —un dato pouco lembrado hoxe polos avogados da liberté, égalité, fraternité.

Os que afirman que a revolución estableceu a liberdade ilimitada de expresión e o laicismo militante simplemente non coñecen a súa historia. Os artigos 10 e 11 da Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán rezan: “Ninguén poderá ser molestado a causa das súas opinións, incluíndo as súas crenzas relixiosas, sempre que a súa manifestación non perturbe a orde pública establecida pola lei” e que a “libre comunicación de ideas e opinións é un dos máis preciosos dereitos do home. Todo cidadán pode, polo tanto, falar, escribir e imprimir con liberdade, pero debe ser responsable dos abusos da súa liberdade determinados pola lei”. Así, a Declaración defendeu a tolerancia relixiosa e limitou o abuso da liberdade de expresión pola lei.

Coa súa orixe no revolucionario 1789 os novos gobernantes do mundo moderno empregaron o lema da liberdade de expresión pero, na medida en que foron capaces, negárono á nova clase dos excluídos —a clase traballadora— e aos oprimidos e ás novas xeracións de radicais.

É por iso que non existe unha liña recta que descenda desde a revolución francesa ao estado francés actual. O estado francés actual é tanto o produto da contrarrevolución coma da revolución, do esmagamento da Comuna de París, da noxenta historia do colonialismo francés, do caso Dreyfus, da colaboración de Vichy cos nazis, do pouco democrático estado de De Gaulle e da persecución dos musulmáns modernos. Por loitar contra todo isto, a esquerda francesa tivo que loitar contra os “herdeiros da revolución francesa” para defender as liberdades proclamadas en 1789.

Polo tanto, que, no noso mundo, está necesitado de liberdade de expresión e quen está a abusar do lema da liberdade de expresión co fin de defender o seu propio poder e riqueza? Quen ten poder e quen non?

Con certeza, as comunidades musulmás de Europa atópanse entre os menos poderosos. Existen, sen dúbida, algúns musulmáns que tamén son brancos e ricos. Algúns mesmo accederon a postos de goberno. Pero a grande maioría son pobres, con frecuencia os máis pobres, coa pel morena e discriminados.

O argumentario neo-racista recorre a aquilo de que os musulmáns non poden ser vítimas de racismo porque o islam é unha relixión non unha categoría étnica. E moitos liberais tiran por este camiño, alegando que son críticos coas ideas relixiosas das persoas non coa súa raza. Pero de facto a relixión actúa coma un eufemismo da raza neste caso, posto que a grande maioría dos musulmáns de Europa son non-brancos. Por suposto, noutros países onde os musulmáns están no poder e teñen as pancas do estado nas súas mans a cousa é diferente. Os cristiáns coptos son unha minoría oprimida en Exipto, os curdos en Turquía etc. Na suní Arabia Saudita os xiís están oprimidos, do mesmo xeito que, primeiro os protestantes e despois os católicos eran discriminados en Inglaterra.

E ademais da discriminación e a pobreza os musulmáns en Europa viron aos seus parentes e amigos, os seus correlixionarios e compatriotas seren asasinados en cantidades industriais polas intervencións militares de Occidente en Afganistán, Iraq, Siria, Iemen, Somalia e outros lugares. E eses son precisamente os países máis afectados pola guerra contra o terrorismo, sen importar canto tempo e como de sanguento fora a historia do colonialismo occidental. E mentres a matanza continúa, acúsase á relixión desa mesma xente de culpable dos conflitos nos que eles son as vítimas maioritarias.
E como podería alguén desas comunidades ter o poder para contestar á recente frase de Rupert Murdoch na que dicía que todos os musulmáns son culpables do cancro do terrorismo? Que rede global de noticias poden eles poñer en marcha para responder? A verdade é que a “liberdade de expresión” non é un campo de xogo neutral, este é moito máis favorable para o estado e os ricos que para os pobres e os oprimidos.

Os liberais semellan non entender isto. Nunca semellan ver que todos os dereitos de igualdade abstractos vense socavados pola desigualdade económica e social. Como dixo Anatole France: “na súa maxestosa igualdade a lei prohibe, a ricos e pobres por igual, durmir baixo as pontes, pedir esmola nas rúas e roubar barras de pan”.

E é así como debemos avaliar esas reclamacións que din servir á liberdade de expresión: estas reivindicacións actúan para magnificar a voz dos que non teñen voz… ou para servir aos que queren mantelos en silencio? As caricaturas racistas cos musulmáns de Charlie Hebdo, non importa se estes pensaban que era iso o que estaban a facer, servían a aqueles que desexan manter aos oprimidos marxinados.

En resposta á matanza de Charlie Hebdo algúns na esquerda chegaron a cruzar a liña que media entre condenar totalmente os asasinatos e apoiar o contido da revista, sostendo que este forma parte da tradición laica de Francia.

Pero esta visión secular e laica, aínda que poida ter as súas raíces na oposición das revolucións burguesas á relixión, ten outro significado completamente diferente entre os musulmáns e outros inmigrantes. Serven para soldar ideoloxicamente á poboación co estado francés.
Pero, responden algúns na esquerda, especialmente os que se pretenden marxistas, somos ateos e, como os secularistas liberais, inimigos da relixión. Nada podería ser unha caricatura máis crúa do marxismo. É certo que un marxista —como fixo  Laplace cando Napoleón lle preguntou porque no seu sistema non hai un lugar para deus— pode responder: “non teño necesidade desa hipótese”. Pero iso é só o comezo do problema porque os marxistas son materialistas antes que ateos. Entendemos que a relixión non será abolida con argumentos racionais ou diatribas laicas, tipo Richard Dawkins.

Marx e a relixión

Para Marx a crenza relixiosa era unha reacción á opresión e á alienación:

“O sufrimento relixioso é, á vez, a expresión do sufrimento real e unha protesta contra o sufrimento real. A relixión é o suspiro da criatura oprimida, o corazón dun mundo sen corazón e a alma dunhas condicións desalmadas”.

Por esta razón, como sostivo James Meadway, non haberá un momento de conversión secular antes da revolución trala cal as masas marcharán á vitoria. Foi precisamente por esta ilusión pola que Marx atacou aos Hegelianos Novos. A revolución, e toda loita antes dela, será feita por traballadores de crenzas moi diferentes e de ningunha.

Pero, se isto é así, entón temos que formular outra pregunta aínda máis concreta, unha que nunca semella ocorrérselles aos “marxistas” seculares: que grupos relixiosos, baixo que circunstancias, poden pular por unha política progresista e que grupos relixiosos pulan por políticas reaccionarias?
Un intre de reflexión revela que se precisa dunha análise máis sofisticada que o simple laicismo co fin de responder a esta pregunta. En diferentes momentos e en diferentes condicións as relixións poden desempeñar diferentes roles políticos. O puritanismo era unha forza revolucionaria na revolución inglesa do século XVII, pero hoxe non. A teoloxía da liberación católica desempeñou recentemente un papel progresista en Latinoamérica, pero a igrexa católica é unha forza reaccionaria en Italia. En Irlanda a igrexa católica en xeral foi unha forza reaccionaria pero o catolicismo sempre estivo asociado co republicanismo irlandés.

Este tipo de diferenciacións necesitan ser aplicadas aos musulmáns. O réxime Saudí é totalmente reaccionario e é unha das trabes mestras tanto a nivel ideolóxico como organizativo do Estado Islámico. É, tamén, un aliado de sempre dos gobernos occidentais. O Estado Islámico é unha forza reaccionaria e contrarrevolucionaria que emerxeu debido tanto ao fracaso da guerra contra o terrorismo como das revolucións árabes.

Pero a inmensa maioría dos musulmáns en Europa non teñen nada que ver con esa ideoloxía. Para a maioría dos musulmáns en Occidente a súa relixión, en xeral, fai fincapé na paz e na xustiza. Son maioritariamente pobres e de clase traballadora. Mesmo en pequenos negocios musulmáns a xente é pobre e réxese polo tipo de costumes dos musulmáns de clase obreira das áreas nas que operan. E estiveron abertos ao compromiso en movementos progresistas, especialmente no movemento antiguerra. Por suposto, cando a esquerda lles volve as costas en nome do seu rexeitamento á relixión, outras forzas, dende o stablishment político aos islamismo extremo, gañan audiencia.

Os irmáns Kouachi que levaron a cabo o ataque contra Charlie Hebdo son un exemplo clásico disto. Eran orfos, pobres e de ascendencia alxerina (co que isto significa en termos de racismo en Francia, brillantemente explicado por Robert Fisk). Traballaban en postos mal pagados e, un deles, soñaba con converterse en rapeiro. Estiveron involucrados no crime e pasaron tempo na prisión. Finalmente atoparon, como moitos outros o fan, significado na relixión. As brutalidades de Abu Ghraib e a guerra de Iraq converteunos en terroristas, en ferramentas dunha forma reaccionaria do islam.
A dereita (e os liberais seculares) están dispostos a acusar ao islam por isto. Confunden a forma de expresión coa causa. A maioría dos musulmáns non son terroristas nin apoian aos terroristas. Pero algúns si o fan. Por que?

A cousa é un pouco así: imaxina un cuarto pechado e cheo de xente. Imaxina que alguén está fóra da sala aumentando constantemente a temperatura da mesma. Algúns dos atrapados desmaiaranse ante os demais. Outros entrarán en pánico. Outros manteranse en calma. Na nosa sociedade a temperatura sobe por causa do racismo, a pobreza e a guerra imperial. Algúns arremeten de xeito reaccionario, outros non. Pero a primeira culpa é dos que se dedican a aumentar gradualmente a temperatura. A segunda culpa é daqueles que condenan aos que están no cuarto en lugar de formular unha estratexia para tirar abaixo o cuarto.

Slavoj Zizek captou en parte esta dinámica que se reforza mutuamente entre o terrorismo islámico e o liberalismo:

“O fundamentalismo é unha reacción —unha reacción falsa e mistificadora, por suposto— contra dun fallo real do liberalismo e é por iso que é ,unha e outra vez, xerado polo liberalismo…. Pensar nunha resposta aos asasinatos de París significa deixar atrás a autosatisfacción petulante do liberal permisivo e aceptar que o conflito entre a permisividade liberal e o fundamentalismo é, en última instancia, un falso conflito; un círculo vicioso de dous polos que se xeran e presupoñen un ao outro”.

Isto é certo… pero só no nivel da ideoloxía. As forzas materiais que encarnan estas dúas ideoloxías non son en absoluto iguais. Na medida en que o extremismo islámico é a ideoloxía de pequenas cantidades de musulmáns en Europa esta non ten a mesma forza que os media, sistema educativo e aparatos do estado que sosteñen o liberalismo e á dereita. Mesmo se incluímos a estados enteiros e actores non estatais do Oriente Medio, os estados do Golfo e ISIS, son económica e militarmente elementos moito máis débiles no sistema mundial en comparación coa maquinaria de estado dos EEUU e dos seus aliados.

E a solución de Zizek é tamén só abstractamente correcta:

“Abandonado a si mesmo, o liberalismo socavarase a si mesmo lentamente —o único que pode salvar os seus valores fundamentais é unha renovada esquerda. Para que este legado sobreviva, o liberalismo precisa a axuda fraterna da esquerda radical. Esta é a única maneira de derrocar o fundamentalismo, varrer o chan que está baixo os seus pés” […]”O que Max Horkheimer dixera sobre o fascismo e o capitalismo xa por volta de 1930 —aqueles que non queiran falar criticamente sobre o capitalismo deberían calar tamén sobre o fascismo— debería ser tamén aplicado ao fundamentalismo de hoxe: os que non queiran falar criticamente sobre a democracia liberal deberían tamén calar sobre o fundamentalismo relixioso”.

Pero se a esquerda pretende gañar esta batalla algo que ten que facer é construír unha forma alternativa de política radical con aqueles da comunidade musulmá que rexeitan o racismo, a pobreza e a guerra. Non hai xeito de que Zizek entenda isto. Os únicos musulmáns aos que se refire son os extremistas. De feito, o que ten que dicir sobre esta cuestión está imbuído da actitude liberal que denuncia. Sostén que o noso pensamento “non ten nada que ver coa barata relativización do crime (o mantra de “quen son os de Occidente, perpetradores de masacres terribles no terceiro mundo, para condenar eses actos”). Menos aínda ten que ver co medo patolóxico de moitos esquerdistas liberais occidentais a seren acusados de islamófobos. Para eses falsos esquerdistas, calquera crítica ao islám é denunciada como unha expresión de islamofobia occidental”.

Hai demasiada confianza na oposición idealista de formas conceptuais e pouco de materialismo dialéctico marxista, por non falar de activismo político marxista, na análise de Zizek. Isto non sorprende. Zizek é, despois de todo, simplemente un filósofo e non un activista político, mentres que definitorio de ser marxista é que un é dous. En resumo, Zizek só contrapón idealmente o rexurdimento da esquerda ao reforzamento mutuo dos falidos liberalismo e terrorismo. Pero non ten idea de que alianzas prácticas e formas de actividade política son necesarias para conseguir levar iso a cabo.

Porén, tal e como nos atopamos hoxe, non son difíciles de ver. A esquerda debe establecer alianzas con todo aquel, incluídos liberais e musulmáns cos que temos diferenzas de análise, que estean contra o racismo, a guerra e a pobreza. Estas deben ter a forma de movementos prácticos e activos, non de tertulias. Debemos dicir claramente que as maiores forzas que están a subir a temperatura son o estado, as corporacións e a elite política. Os extremistas islámicos (e a extrema dereita) son produtos reaccionarios da crise, un produto que empeora a crise, sobre todo para os musulmáns. Opómonos a ambos. Pero un deses inimigos é moito máis poderoso, e por tanto máis culpable, que o outro. Ese inimigo é o sistema capitalista global e os seus aparatos de estado.

No hay comentarios:

Publicar un comentario